O proxecto PRETENACC ten como finalidade desenvolver unha biotecnoloxía para producir biopolímeros (poli-hidroxialcanoatos, PHA) considerados bioplásticos, con propiedades similares aos plásticos de orixe petroquímica, pero de carácter biodegradable, a partir de residuos graxos e utilizando cultivos microbianos mixtos.
PRETENACC axústase á Prioridade 1, sustentabilidade, do RIS3 2021-2027 pois a biotecnloxía que se vai desenvolver permitirá avanzar na sustentabilidade dos recursos naturais ao reducir a dependencia actual do petróleo, e xerará oportunidades para a diversificación ao producir un novo material bioplástico competitivo internacionalmente. Deste xeito aumentarase a reputación internacional de Galicia no eido da protección do medio ambiente e desenvolvemento sustentable, ao mesmo tempo que terá unha repercusión positiva na actividade empresarial galega en sectores clave como o agro alimentario, por ser un sector xerador de residuos e consumidor de materiais plásticos (embalaxe). Nesta proposta combínanse dúas liñas de valorización, a do residuo graxo tratado e a do biopolímero producido, que se pretenden encaixar para obter o correspondente beneficio económico, social e ambiental. Isto implica que no proxecto obteranse dous produtos: una biotecnoloxía e o biopolímero xerado. A innovación está no feito de empregar residuos graxos e realizar o proceso nun único reactor biolóxico. Na actualidade non hai desenvolvido un sistema biolóxico que produza PHA a partir de residuos graxos e nunha soa unidade de reacción.
O mercado dos biopolímeros está previsto que medre un 22,8 % no período 2022-2030 e máis concretamente o mercado de PHA un 10 %. Ademais cabe destacar que a maioría das empresas produtoras de biopolímeros atópanse fora de Europa. Os clientes potenciais son tanto os produtores de residuos graxos (sector agro alimentario) e os xestores de residuos que van utilizar a tecnoloxía proposta para producir o biopolímero como tamén os procesadores de bioplásticos que van a empregar este último como materia prima. Os pasos precisos para chegar á comercialización dos dous produtos esperados do proxecto pasan pola licencia da patente existente (española e estendida PCT) a unha ou varias empresas e pola comercialización do biopolímero producido segundo a regulación existente para materiais bioplásticos.
Proxecto cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia ao abeiro do Programa Ignicia.
Ref 017_IN855A_2023